Thursday 16 de May de 2024

Alumnas de 1º de bacharelato poderán achegarase á física de partículas da man de investigadoras do IGFAE co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia


— O centro mixto da Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela organiza esta ‘masterclass’ para impulsar as vocacións científicas

— As rapazas realizarán unha sesión práctica con datos reais do CERN e debaterán os resultados da mesma con traballadoras deste centro

— O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de xaneiro na web do evento

Ata 60 alumnas de 1º de Bacharelato de centros educativos galegos poderán achegarse á física de partículas da man de investigadoras do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
O obxectivo é espertar as vocacións científicas, impulsando que as rapazas se decanten polas titulacións universitarias desta rama, ao tempo que se ofrece a oportunidade de achegarse ao método científico mediante un pequeno simulacro do que supón a día a día da carreira investigadora.
A V edición da Masterclass internacional de Física de Partículas desenvolverase o vindeiro venres 9 de febreiro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e nela as rapazas realizarán unha sesión práctica por ordenador con datos reais dun experimento do Centro Europeo para a Investigación Nuclear (CERN). A continuación, debaterán sobre os resultados por videoconferencia con investigadoras deste centro, así como con estudantes de Brasil, Bulgaria e Italia que tamén participan na actividade.
O programa inclúe tamén conferencias introdutorias sobre a física de partículas, así como unha charla-coloquio que afondará na figura de varias mulleres de diferentes procedencias que fixeron grandes achegas á ciencia ao longo da súa historia e malia así seguen a ser pouco coñecidas.
O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de xaneiro e poderán formalizarse a través do web do evento. O profesorado que acompañe ás estudantes pode asistir e incluso participar activamente na masterclass, se así o desexa, o que deberá indicar no formulario.